Porto (Portugal), os días 11 e 12 de decembro de 2008

O Observatório do Ciberjornalismo, do Centro de Estudos das Tecnologías e Ciências da Comunicaçao (CETAC.media) organiza o I Congresso Internacional de Ciberjornalismo, tendo como piar temático o denominado “xornalismo 3G”. Primeiras figuras da investigación no ámbito do xornalismo on-line debatirán sobre a converxencia e a multitextualidade, os blogs, a confirmación do “xornalismo do cidadán”, etc.
Son moitos os desafíos aos que se ten que enfrontar o ciberxornalismo e neste congreso analizaranse as liñas básicas de evolución do modelo ciberxornalístico, ao tempo que se actualizaran os coñecementos científicos xerados arredor do tema.

O prazo para a presentación de propostas de comunicación está aberto ata o 20 de xuño. Para máis información: páxina oficial do congreso.

Así, afirmando a existencia dunha nova forma de facer xornalismo, comezaba a intervención do profesor doutor da Universidade Federal de Santa Caterina (Florianopolis, Brasil) Elías Machado na visita que fixo á Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, onde impartiu dúas clases mestras.

O xornalismo, cada vez máis, pasa polas bases de datos e os xornalistas deben entender que para desenvolver o seu traballo diario dunha maneira eficiente no marco da converxencia deben necesitan educarse nas destrezas básicas para desenvolverse no emprego das bases de datos.

Para Elías Machado, o xornalismo dixital en base de datos é unha forma de poder buscar e seleccionar información para logo empregala na construción da realiade xornalística. Desta concepción deriva unha conclusión clara e diáfana: a información que sexa introducida en bases de datos será capaz de responder á demanda de rapidez e inmediatez propias das rutinas xornalísticas, mentres que a que non se atope estruturada e categorizada mediante base de datos non será quen de dar resposta á necesidades do xornalista á hora de crear un discurso de significación xornalístico.


“É fundamental que o xornalista pense en organizar a información en bases de datos”, continúa dicindo Elías, co obxectivo de que “as mesmas bases de datos sexan entendidas e funcionen como soportes de elementos narrativos”. Ademais, nos procesos de converxencia inciados polas empresas mediáticas é un factor importantísimo a automatización dos procesos mediante as bases de datos, xa que permiten recoller, producir e distriubír contido para diferentes públicos e plataformas de circulación nun ecosistema mediático dixitalizado. O soporte non varía –sempre é a base de datos- e pode funcionar con diversos contidos que, unha vez dixitalizados, se poden poñer en valor a través da súa posta en circulación nas diferentes plataformas. Deste xeito, dás unha conxunción perfecta dos procesos de automatización co perfil do xornalista –profesional altamente especializado- que aporta marcas de identidade aos produtos.

A Fundación Alternativas vén de publicar a finais do pasado mes de marzo o monográfico de Enrique Bustamante, A televisión dixital terrestre en España. Por un sistema televisivo de futuro acorde cunha democracia de calidade.

O obxectivo deste informe é analizar os desafíos e consecuencias da televisión dixital terrestre en España, co seu imprescindible marco internacional, nos seus elementos e chaves estructurais profundas en tanto deseño da televisión dominante do futuro previsible no noso país. En última instancia, seguindo a Raymond Williams, un dos
fundadores da economía política da comunicación -e dos estudos culturais, ao mesmo tempo-, a TDT serve como botón significativo de mostra de como as tecnoloxías da comunicación e as sociedades interactúan mutuamente, máis aló das potencialidades técnicas das primeiras e das determinaciones apriorísticas das segundas.

A Universidade Complutense de Madrid organiza os días 23 e 24 de abril o III Congreso Internacional de Periodismo en la Red: Foro Web 2.0. Blogs, Wikies, Redes Sociais e e-Participación

A necesidade de establecer as características do momento evolutivo no que se enconta o xornalismo na actualidade e a súa relación coa rede é o punto de partida deste congreso que vai xa pola súa terceira edición. Nesta oportunidade serán as redes sociais o centro das comunicacións e dos debates. A discusión sobre as tendencias do xornalismo profesional e as novas tecnoloxías dixitais, a expansión do fenómeno blog e as wikies permitirá coñecer o entorno de Internet e a súa aplicación como nova canle de comunicación e información.

No congreso tamén se analizará a base do fenómeno blog dentro do estudo do novo concepto de xornalismo na rede e da participación cidadá a través das ferramentas que aporta a Web 2.0.

Para máis información: páxina oficial do congreso.

Giuseppe Richeri publica no nº74 de Telos o artigo “Novos desafíos para a investigación. Os medios de comunicación entre a empresa, o público e o Estado” no que se traza o panorama dos cambios e desafíos que deben afrontar aqueles investigadores interesados en coñecer o comportamento dos medios de comunicación.

A investigación das relacións entre os medios e a sociedade convértese nun desafío debido ao continuo desenvolvemento do sistema de medios de acordo coa evolución das relacións sociais (políticas, económicas e culturais). A análise das interaccións entre a industria dos medios, o acceso ao consumo dos seus produtos e servizos, a intervención reguladora do Estado e das institucións públicas pode ser, segundo Richeri, un camiño para estudar os aspectos máis relevantes da espiral á que teñen que facer fronte os investigadores neste campo.

O campo a investigar tendo en conta estes tres grandes núcleos faise tan amplo que para poder comprender mellor o fenómeno Richeri considera necesario adoptar de forma urxente unha aproximación multifocal capaz de cruzar as perspectivas da economía, a sociología e a política.

O Consello da Cultura Galega organiza este encontro que pretende facer unha achega á situación de Galicia na sociedade do coñecemento

O foro de debate ‘Galicia na Sociedade do Coñecemento’ abordará a situación de Galicia na sociedade do coñecemento dende tres perspectivas: económica, sociolóxica e tecnolóxica. Seguindo eses puntos de vista, o encontro organízase arredor de tres temas centrais: Galicia e a globalización, os cidadáns na sociedade da información, Galicia e as tecnoloxías da información e do coñecemento.

O encontro celébrase nun momento no que a sociedade do coñecemento convértese cada vez máis nun elemento central da vida das sociedades desenvolvidas contemporáneas, tanto nos aspectos sociais como nos económicos e culturais. Na base deste fenómeno está a gran revolución tecnolóxica da información producida nas últimas tres décadas, período en que a extraordinaria multiplicación da capacidade de distribuír fluxos de información foi proporcional á división dos seus custos. A chamada globalización económica e súa principal manifestación, a financeira, non se explican sen ese dato, o mesmo que ocorre co cambio nos costumes e hábitos de amplos sectores da poboación.

O foro, coordinado por Domingo Docampo, celébrase na sede do Consello da Cultura Galega os vindeiros días 3 e 4 de abril. A asistencia é gratuíta previa inscripción na páxina web do Consello: http://www.consellodacultura.org/

A editorial Penguin vén de dar un paso máis na experimentación coa narratividade no eido dos relatos dixitais ao incluir no seu sitio web unha historia de Charles Cumming titulada The 21 Steps na que se sitúa ao usuario no lugar onde transcorre a acción mediante un mashup de Google Maps.

Este relato está baseado no texto de intriga escrito por John Buchan titulado The 39 steps e supón o comezo dunha serie de 6 experiencias de relato dixital que Penguin quere por en marcha, nas que novos autores versionarán títulos clásicos e empregarán ferramentas da Web 2.0, ademais de contar coa colaboración dos usuarios da web. O obxectivo da editorial é o de crear novas fórmulas de narratividade dixital en cada unha das 6 historias que se propón sacar á luz.

Os días 9 e 10 de abril celébrase o Primeiro Congreso sobre Televisión Dixital organizado por ASODAL, Asociación Española de Televisiones Digitales Privadas Autonómicas y Locales, e que se encadra no Málaga Valley Happening, un foro de encontro da industria TIC e multimedia, así como de empresas de distribución, produción e exhibición da industria audiovisual e que terá lugar en Málaga, a bordo dun barco de luxo.

ASODAL integra as televisións dixitais privadas de ámbito autonómico e local que contan coa licencia administrativa para emitir, entre elas as do Grupo Vocento, Popular TV, Canal Catalá, Grupo Promecal, Prensa Ibérica, entre outros.

A Universidade Autónoma de Barcelona abre o prazo para a 4º edición do Máster Internacional en Deseño e Xestión da Produción Audiovisual dirixido a licenciados con interese no campo da produción tanto en cine, televisión ou multimedia

Na súa cuarta edición o máster pretende novamente dar a coñecer os modelos produtivos que atendan ás necesidades do mercado e se proxecten dende novos espazos audiovisuais comerciais ou alternativos.
O máster está dirixido a profesionais do sector da comunicación audiovisual e a produción multimedia interesados en xestionar con eficiencia os seus recursos e actualizar os seus coñecementos.

Para máis información: http://www.produccionaudiovisual.net/matricula.htm

 

A xuntanza celebrarase o 9 de maio na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. 

A Unión Latina de Economía Política da Información, a Comunicación e a Cultura (ULEPICC-España) organiza a 1ª Xuntanza Nacinonal de Doutorandos coa temática dos “Problemas metodolóxicos da comunicación” como telón de fondo. O encontro é unha cita recomendable para todos aqueles investigadores que estean a realizar a súa Tese Doutoral. Terán a oportunidade de compartir o seu traballo e as súas dúbidas con outros investigadores que se atopan na mesma situación.

Con estas xornadas, a sección española da ULEPICC pretende crear un foro de debate e discusión sobre os problemas metodolóxicos que os doutorandos afrontan á hora posicionarse ante novos proxectos no ámbito da comunicación, que estes poidan expoñer as súas investigacións e o xeito no que as abordan metodoloxicamente.

Para máis información e inscrición: páxina web da ULEPICC-España.

- Next »