A BBC vén de crear unha liña do tempo da historia británica baseada nunha escala de cores interactiva.

Movernos pola historia británica coma se dun percorrido polo arco da bella se tratara. Iso é o que nos permite o proxecto da BBC. Unha liña do tempo baseada na diferenciación de etapas históricas mediante cores. A interfaz déixanos saltar da Idade de Ferro á época dos vikingos e ver os acontecementos máis importantes que fan referencia a eses anos. Un paseo pola vida das illas que abarca dende o neolítico ata o 2005.
A web, no apartado “Take a Journey”, tamén permite facer buscas selectivas por temas. Así, por exemplo, podemos saber como evolucionaron os dereitos das mulleres británicas ao longo da historia ou seguir os adiantos tecnolóxicos que se sucederon no marco das Illas Británicas.
O equipo interactivo da BBC solucionou miles de anos de historia cunha tira de cores, sen dúbida unha innovadora estratexia de deseño.
Carlos Toural
O Grupo Zeta ven de presentar videoyvoto.tv, unha experiencia multimedia que ofrece información sobre as eleccións municipais e autonómicas en formato vídeo

O usuario pode escoller, entre unha lista de diferentes profesionais do Grupo Zeta, ao seu presentador persoal, que a través de un vídeo daralle unha visión profesional do estado das eleccións. Por outra banda a web almacena diferentes vídeos relacionados cos procesos electorais dos diferentes municipios, que poden ser atopados segundo criterios xeográficos, temporais ou de interese da audiencia. Na mesma web os internautas dispoñen dunha ferramenta para poder subir os seus propios vídeos e teñen a posibilidade de calificar a calidade daqueles que xa están colgados.
Sen supoñer unha revolución dende o punto de vista tecnolóxico, videoyvoto.tv, presenta un emprego novedoso da ferramenta Youtube e abre un novo campo de experimentación que mistura o xornalismo electoral coa participación cidadá.
Teresa de la Hera


Portadas das publicacións da aplicación offline de Índigo.
Reporte Índigo -e o seu suplemento Piensa Índigo-, son as dúas cabeceira da Experiencia Índigo. Unha curiosísima proposta mexicana de xornalismo multimedia distribuído a través de Internet, pero dispoñible en paquetes de aplicación. É dicir, descargas ao teu ordenador número a número (13 megas), e cárgase un proxector de Flash que presenta unha revista cun uso extensivo do multimedia. Índigo simula unha publicación en papel, pero engadíndolle unha navegación por índice, numerosas ‘metáforas’ na interface e un uso extensivo do vídeo, dos recursos de audio e de interacción do usuario coa superficie interactiva. Audio en planos diferentes, un deseño do texto moi preparado para a lectura en pantalla son algúns dos exemplos desta curiosa publicación que combina análise política, estilos de vida, medio ambiente, deseño… Para poder baixarse os números da revista hai que rexistrarse (gratuitamente). Seguirémola moi de preto.
Vía Jornalismo & Internet

Tanto para os xornalistas como para calquer usuario que bote man con asiduidade dos contidos que diariamente os cibernautas suben á web, tanto os agregadores de rss como os contedores e arquivadores de materias tórnanse fundamentais. Youtube, Flickr, Del.icio.us…son só unha pequena mostra das webs que almacenan cantidade de material útil para os usuarios. Populrs.com é só un intento máis de organizar dun xeito útil todos eses contidos que segundo a segundo van nutrindo a inxente biblioteca virtual da rede. Algunhas das súas ventaxas son as seguintes:
- Presenta unha selección das páxinas de contidos máis populares da rede
- Proporciona para cada unha de esas páxinas un listado actualizado dos contidos mellor valorados polos usuarios
- Permite aos usuarios personalizar a páxina de inicio segundo ás súas necesidades
- Ademais inclúe unha selección dos principais titulares de páxinas como Google News
- Con unha única visita, centos de contidos quedan ao alcance do usuario
Teresa de la Hera

Captura de pantalla de Google Earth
O outro día, na materia Creación de Produtos na Rede, estivemos vendo un dos últimos lanzamentos de Google Earth. En colaboración co United States Holocaust Memorial Museum, Google creou unha capa KML titulada Crisis in Darfur que se pode superpoñer sobre Google Earth e amosar as dimensións do xenocidio que se está practicando en Darfur, no Sudán. O xenocidio, negado oficialmente polo Goberno sudanés, amósase con rudeza nas imaxes de satélite en alta resolución de Google Earth, publicadas na plataforma especialmente para a ocasión. Os editores empregaron estas fotografías de alta resolución para establecer cálculo de danos sobre os bens.

Representación infográfica de poboados destruídos ou danados durante o xenocidio sobre Google Earth
Ao mesmo tempo, a capa de Darfur incorpora testemuñas, datos de comprensión, ubicación de campamentos de refuxiados e unha selección de información multimedia. As opinións da comunidade de usuarios de Google Earth tamén se superpón sobre a capa, trasladando a conversa directamente ao terreo. ¿É isto xornalismo?¿Pode selo? Sen dúbida, na miña opinión. Unha forma innovadora de avanzar na construción de relatos hipermedia, trasladando a narración dos feitos ao lugar da acción, sen perder determinadas técnicas xornalísticas, como o enfoque, a selección e a tematización. Un híbrido entre infográfico, reconstrución virtual e crónica. Sen dúbida, un dos novos formatos máis interesantes do 2007.
Manuel Gago