Axenda propia e frecuencia de rotación de noticias elevada, así se definen os social media con respecto aos medios tradicionais

Posted May 27th, 2010 in Informes by carlos

Segundo un estudo de Pew Research Center, os social media ou medios sociais contan cunha axenda propia que difire, en moitos casos, da dos medios tradicionais. Este estudo, realizado sobre as novas que os usuarios compartiron durante un ano (entre o 19 de xaneiro de 2009 e o 15 de xaneiro de 2010) nos EUA, di que as informacións ás que o usuarios daban relevancia a través das redes sociais difiren das que publicaron xornais impresos e electrónicos ou cubriron radios ou televisións nos mesmo período de tempo.

Ademais, este estudo tamén avanza unha característica importante das redes sociais en canto á evolución que sofren as noticias unha vez son engulidas pola “maquinaria social”: as noticias teñen unha frecuencia de rotación elevada e os rankings de informacións máis compartidas sofren actualizacións constantes debido á velocidade coa que os usuarios actúan a través dos medios sociais.

Tamén hai que destacar que os datos que aporta este traballo do Pew Research Center falan dun posicionamento importante como é a dos medios tradicionais como fonte de confianza, xa que o 99% das noticias que enlazan os usuarios nos medios sociais pertencen a xornais, radios e televisións.

Un día de traballo na edición dixital de La Voz de Galicia

Posted May 20th, 2010 in Industria e empresa, Profesionais by carlos

Co gallo da celebración do 10º anirversario do seu nacemento, lavozdegalicia.es produce un especial que fai un percorrido polos seus dez anos de vida onde recolle os acontecementos máis destacados de cada ano, a evolución do deseño, datos de audiencias así como a aparición das redes sociais e a súa incorporación ao deseño do xornal. Unha das pezas que compoñen o especial é este vídeo no que se recolle como é o funcionamento diario da edición dixital de La Voz de Galicia.

Na busca de valor engadido no xornalismo: unha mirada ás redes sociais

Posted May 18th, 2010 in Industria e empresa, Profesionais by carlos

A información deste texto relativa ao The New York Times e as opinións de Jennifer Preston están tiradas de dúas entrevistas publicadas en elpais.com e 233grados.com á social media editor do xornal norteamericano

Jennifer Preston é a editora de medios sociais do xornal The New York Times. Logo dunha longa traxectoria como xornalista no xornal norteamericano, en maio de 2009 nomeárona “social media editor”, posto que nos últimos tempos ten cobrado moita relevancia nos medios de comunicación. Puxeron nas súas mans todas aquelas cuestións que teñen quen ver co posicionamento e presenza do medio nas redes sociais. Como recoñece Preston, naquel momento sentiuse perdida ao ter que asumir o novo posto, pero pronto se decatou de que a vía de colaboración cos usuarios e lectores do The New York Times era o camiño polo que debían transitar. Deste xeito, por exemplo, no xornal da cidade de Nova Iork pasouse de administrarse unha única cunha conta xenérica do medio a ter 85 activas na acutalidade dedicadas a distintos temas que alimentan máis de 145 xornalistas.

O xornal busca un contacto necesario coa audiencia, facer que os usuarios e lectores se sintan parte do medio tendo en conta os seus comentarios en Twitter ou Facebook, facendo que as súas informacións e datos formen parte das historias que se contan no The New York Times. Obviamente, faise necesaria unha labor de selección que Preston considera esencial. Dende o seu equipo no xornal faise un seguemento dos distintos perfís dos usuarios que participan con comentarios nas contas propias do The New York Times, as súas achegas, os textos publicados nos seus perfís, etc. co obxectivo de poder identificar distintos niveis de confianza nas redes sociais á hora de investigar certos datos ou acudir a lugares indicados polos twitters ou usuarios de Facebook.

Esta estratexia de incorporar, a través do filtro do rigor e da selección, os usuarios á dinámica de funcionamento do medio mediante as estratexias postas en marcha a través das redes sociais ten como resultado un nivel de implicación por parte da audiencia co xornal moi alto (cando no medio se anuncia que se vai facer unha reportaxe sobre un tema determinado, o medio pode recibir centos de correos electrónicos aportando ideas, datos, localizacións, etc.). A clave do bo funcionamento e integración das redes sociais no traballo dos xornalistas de The New York Times é que estes entenderon, dende o primeiro momento, o que para Preston era unha evidencia: as redes sociais aportan un valor engadido esencial ao traballo xornalístico.