Un ano máis, Novos Medios está presente no International Symposium on Online Journalism organizado na Universidade de Texas en Austin. O congreso, que se celebra ao longo de dúas xornadas está marcado polo 10º aniversario do evento, xa que foi en 1999 cando a Knight Chair in Journalism, a través de Rosental Calmon Alves comezou a organizar este foro de debate sobre o mundo do xornalismo e a comunicación.
Neste marco, a primeira xornada tivo participantes que aportaron a súa visión sobre a situación actual que está a vivir o xornalismo. Así, Paul Steiger (ProPublica) avanzaba que nunha situación na que moitos xornalistas están a ser despedidos e o ceo se pecha sobre o futuro de moitos outros, hai esperanza. Steiger está seguro de que os proxectos pequenos e moi enfocados a determinados segmentos ou colectivos teñen moitas posibilidades de triunfar. En ProPublica están a traballar, ademais, coa integración da participación cidadá na elaboración de reportaxes de investigación.
Outra serie de intervencións que tiveron gran repercusión no auditorio foron as que trataron de explicar novos modelos de negocio na rede que están a ter éxito que traballan coa fórmula de contidos de pago nalgunha das súas modalidades. Primeiro foi Steve Outing o que falou de ofrecer contidos realmente premium á audiencia. Productos polos que, a través dun tratamento de diferenciación con respecto aos medios impresos e ás noticias publicadas noutros sites, os lectores/usuarios estean dispostos a pagar. Outing comentou tamén a posibilidade crecente de escribir historias na rede mediante “microdonacións” dos usuarios. Un exemplo que puxo foi o de spot.us, proxecto onde os usuarios poden propoñer historias que logo de ser revisadas polos xornalistas, son aceptadas para o traballo da redacción ou non. Se son aceptadas, os lectores poden facer donacións de 20$ para que os xornalistas traballen nelas.
Nesta liña de modelo de negocio, Premesh Chandran falou da experiencia do proxecto no que traballa (é cofundador de malaysiakini.com, organización de medios independente en Malasia), que é rentable, ten éxito nun tradicional contexto de restricción de liberdades de prensa por parte do goberno e non para de medrar en tempos de crise.
No transcorrer do congreso é curioso ver como se estrutura un debate paralelo ao que se dá na sala de conferencias mediante unha ferramenta de sobra coñecida por todos: a rede social twitter. Un gran número de asistentes estamos a participar nun debate paralelo en directo a través dos comentarios en twitter. É sorprendente ver como a conversa que se mantén online fía un discurso enriquecedor arredor das cuestións tratadas onde conferenciantes, organizadores e asistentes aportan ideas. Pero, por que Twitter? Nos Estados Unidos non é a rede social máis empregada, como podemos ver nesta gráfica correspondente aos datos do último ano en Norteamérica.

Redes sociais nos Estados Unidos. Datos do último ano.

Porén, ten moita penetración en determinados segmentos como canle de comunicación interna como poden ser os staffs directivos de empresas ou o mundo da comunicación. Continúa o congreso. Continuamos “twiteando”.

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply