Mar 31st, 2009
Nace Cabozo, a nova comunidade web galega
O 14 de febreiro de 2008 Antonio Mariño, viveirense emigrado a Alemaña, programou o que co paso do tempo se converteu no Facebook galego, Cabozo.

Antonio Mariño emigrou a Alemaña hai anos e no seu afán de manter o contacto cos seus amigos e familia elaborou unha páxina web que lle permitise comunicarse con eles na distancia. Co paso do tempo o novo lugar de encontro converteuse nunha rede social que ten o galego como lingua principal e Mariño implementou ferramentas e melloras baixo demanda dos seus fieis usuarios, os seus coñecidos. Así chegou o chat, a posibilidade de subir imaxes e vídeos e enviar mensaxes privadas. O software libre está presente dende o primiero momento como a única tecnoloxía empregada e, a día de hoxe, a rede social Cabozo está programada en PHP correndo sobre Linux CentOS con Apache e MySQL.
O boca a boca entre a comunidade natal de Antonio Mariño, Viveiro, e o espallamento por Galiza das virtudes desta nova rede social fixeron que, unha vez aberta ao público xeral Cabozo pasara de ter 30 usuarios a ter 250 en tan só 25 días. Na actualidade son máis de 400 os cabozeiros que empregan este novo espazo na rede para comunicarse cos seus amigos e desenvolver a súa vida social no entorno dixital.