Reseña do libro:
Periodismo de sucesos
Montse Quesada
Editorial Síntesis, 2007
A información sobre sucesos ocupa unha importante parte do menú informativo dos medios impresos, dos audiovisuais e dos cibermedios. As novas sobre sucesos violentos, sobre accidentes ou sobre catástrofes son protagonistas a diario na práctica totalidade dos medios de comunicación. Trátase dunha información demandada polos usuarios, moi seguida por diferentes segmentos de cidadáns en todos os soportes e cunhas mensaxes cargadas de impacto emocional. Estamos, pois, diante dunha modalidade de xornalismo que inflúe na opinión pública e, polo tanto, sobre o que hai un especial seguimento dos expertos para tentar melloralo, principalmente porque manexa cuestións tan delicadas como a dignidade, a intimidade, e a inocencia ou culpabilidade de persoas.
Os sucesos, que espertan interese pola ruptura coa normalidade que implican, poden tratarse cuns criterios profesionais de responsabilidade ou con certas frivolidades que, con certa frecuencia, vemos nalgúns medios de comunicación. Non hai dúbida que resulta fácil facer amarélesmo non só con este tipo de información, senón cos máis variados temas. Pero non é menos certo que o sensacionalismo que invade os territorios do xornalismo considerado serio fai estragos moitas veces cos sucesos como bandeira.
Nin que dicir ten que polas características da información que se trata dispoñemos, desde a segunda metade do século XX, dunha serie de preceptos e convencións que deben seguirse sempre que se busque ofrecer calidade informativa. Quizá por iso tamén hai que introducir actualizacións para afrontar a complexidade actual de calquera información. Algunhas ofrécenolas Montse Quesada no seu último libro, no que analiza moitas informacións publicadas e diferente cabeceiras e no que se ofrecen consellos para axudar aos xornalistas a tratar os sucesos con rigor e con honestidade profesional.
Neste libro para xornalistas e para futuros profesionais da comunicación, Quesada defende a vía da especialización como camiño para mellorar a información de sucesos. Sostén que para utilizar unha metodoloxía axeitada, o xornalista de sucesos precisa formación sobre os seguintes ámbitos: a criminoloxía, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Administración de Xustiza, o Dereito penal e procesal, e a psicoloxía e psiquiatría forenses. E propón un conxunto de técnicas específicas que garanten a calidade da mensaxe final.
O resultado do traballo de Montse Quesada é un manual moi útil para profesionais porque suxire novas vías para buscar información e para ofrecer contidos diferenciados e solventes. Estamos, pois, diante dun libro que chama a atención sobre o fácil que é facer sucesos con acentos sensacionalistas e ofrece fórmulas para que esta información, que ten tanta demanda nalgúns sectores cidadáns, responda aos principios básicos da calidade informativa.

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply