Mai 23rd, 2008
Novos informes da WAN: compendio estatístico e análise da situación actual do panorama mediático con posibles vías de planificación
Recentemente veñen de publicarse os novos informes da WAN elaborados no contexto do seu programa chamado Modelar el futuro del periódico. Por unha banda pódense consultar datos e interpretacións destes sobre a evolución dos medios dixitais de setenta compañías mundiais no “2008 World Digital Media Trends” e, por outra banda, o “Scenario Planning for Newspaper Companies” examina como os xornais poden valerse dun proceso de planificación de escenarios co obxectivo de anticipar os cambios nas forzas do mercado, a competencia, a audiencia e as novas tecnoloxías, contribuíndo a evitar así as posibles dificultades que puideran xurdir.
O punto de partida destes informes é o feito observable de que nos últimos anos a industria dos medios de comunicación ten sufrido un gran número de cambios a distintos niveis. Por unha banda, internos, no que fai referencia á construcción do discurso mediático e, por outra banda, déronse importantes cambios externos, coma o da dinámica do comportamento do usuario/lector.
Neste contexto, os medios on-line emerxen coma un novo ámbito do xornalismo e os editores traballan tendo en conta os escenarios que definen a industria mediática hoxe en día: estase a observar unha preocupante recesión no consumo de medios impresos por parte dos lectores ademais dun desinterés da industria publicitaria polo sector, pero ao mesmo temo, tamén se comproba que as oportunidades ofrecidas polas plataformas emerxentes (on-line ou telefonía móbil) son vías de negocio a explotar.
Comparto plenamente a idea de que a explotación das plataformas emerxentes son vitais para a industria xornalística. De feito en Galiza creo que é evidente que falta un medio dixital (aínda que hai boas aproximacións) que sexa capaz de ter unha versión realmente actualizada dos seus contidos e que, ademais, estes podan irse renovando con criterio a medida que avance o caudal informativo que persegue. Hoxe en día, cando queremos saber que pasou en Galiza conectamos a radio galega e seguimos os primeiros momentos da información nela. Creo que falta un medio dixital capaz de ofrecer o mesmo nivel de inmediatez (ou case) que a radio e que, ao mesmo tempo, poda ir profundizando no tema a medida que pasen as horas……..