Nov 7th, 2007
O papel dos medios na construcción da identidade cultural
O Consello da Cultura Galega organiza o foro de debate “Medios de Comunicación e Identidade” que se celebrará en Santiago os días 10 e 11 de decembro.
O protagonismo dos medios na construcción identitaria e na difusión da lingua e a cultura propias é indiscutible. É por este motivo que o Consello da Cultura Galega centra dende hai anos a súa atención no desenvolvemento do sistema mediático galego.
No ano de conmemoración do primeiro centenario do nacemento de A Nosa Terra o foro de debate “Medios de comunicación e identidade” pretende ser un espazo de reflexión sobre cuestións fundamentais como: os desafíos das nacionalidades históricas e os medios de comunicación ou o papel determinante da lingua e dos medios na construcción das identidades.
O foro terá lugar os días 10 e 11 de decembro na sede do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. Nel participarán varios membros do Grupo Novos Medios como Francisco Campos e Xosé Ramón Pousa, ademais doutros destacados investigadores e profesionais do sector.
Para máis información: www.consellodacultura.org