Out 31st, 2007
Novo manual: Diseño periodístico en Internet
Ainara Larrondo e Ana Serrano son as editoras de Diseño Periodístico en Internet, un novo manual para investigadores, estudantes e profesionais do ciberxornalismo que edita a Universidade do País Basco. Aínda que existen numerosas publicacións sobre deseño web, esta é unha obra pioneira: ata o momento non se editara no Estado español unha obra que abordara o tratamento do deseño de xornais para Internet desde unha óptica interdisciplinar, integrando as achegas dos investigadores e profesionais que traballan sobre a cuestión. Deste xeito, José Ignacio Armentia, María Ángeles Cabrera, Eva Domínguez, Manuel Gago, Yusef Hassan, María Bella Palomo, Simón Peña, Xosé Pereira, Ramón Salaverría e Francisco Sancho achegan perspectivas complementarias sobre a representación e disposición gráfica da información xornalística nos cibermedios.
Pola miña banda, contribuín co capítulo: “Flash 2.0. Tecnología y cibermedios en la nueva web social“. Nel achégome á evolución do concepto de infografía realizada coa tecnoloxía gráfica hexemónica, Flash, ao longo destes dez anos: de soporte para “especiais” e a vehículo narrativo de animación e interacción ata a situación actual, no que xunto cos formatos anteriores, Flash se emprega para xestionar a visualización de grandes masas de datos dinámicos e a integración estándar do multimedia na edición xornalística.