Out 26th, 2007
oSkope ou a busca visual
Poucas veces se conseguira achegar a experiencia de recuperación de información dunha base de datos tanto ao método cotiá de rebuscar nunha pila de CDs nunha tenda de discos,por exemplo, ou á exploración de portadas nunha libraría.










oSkope é un proxecto que se mergulla no complicado mundo dos buscadores aportando unha idea que non é nova pero si novidosa na súa factura. Non é nova porque se trata da vella teima de achegar ao usuario á busca dixitalizada de elementos a través dunha interface que simule experiencias similares da vida cotiá, pero si é novidosa porque desta volta o proxecto non se queda nunha proxección metafórica de elementos visuais que simulan obxectos da realidade senón que, indo máis aló, propón realizar buscas dentro dun espazo que simula unha mesa de escritorio.
oSkope conta cun motor de busca que lle permite aos usuarios elixir entre catro fontes -libros en Amazon, vídeos en YouTube, artigos de segunda man en eBay e imaxes en Flickr- para logo presentar os elementos nun símil de espazo recoñecible por calquera: unha mesa onde se dispersan as portadas de discos, as dos libros, os vídeos ou artigos dispoñibles de segunda man. O usuario pode recoñecer as portadas dos elementos e dispoñelas en varios modos: lista, pila, cuadrícula ou gráfica. Cun só click de rato sobre as imaxes pódese acceder a máis información sobre os produtos e acceder á páxina da fonte orixe. Por todo isto, oSkope é un proxecto novidoso baseado nun vello anceio dos deseñadores.