Pisani, un dos grandes referentes do xornalismo especializado en Internet e novas tecnoloxías, reuniuse cos membros do Grupo de Investigación Novos Medios.
O futuro dos medios condicionado polo avance dos novos formatos xornalísticos é unha das principais liñas de traballo do xornalista.

Na xuntanza Pisani debateu cos membros de Novos Medios sobre o futuro da labor dos profesionais do xornalismo e sobre a relación que debe establecerse entre usuarios e medios, entre outras cuestións.
Para Pisani o xornalista deixa de ter o poder de seleccionar a información que é coñecida polos usuarios, para converterse nun editor dos contidos proporcionados por eles. A satisfacción que produce o feedback nos procesos comunicativos é para Pisani unha das mellores vantaxes que trae este cambio na profesión. Neste senso apunta á necesidade de atender á evolución do concepto “noticia” e á súa nova función social.
Con respecto a penetración do xornalismo cidadán, Pisani considera que estase producindo un erro de concepto, para el o importante non é quen produce a información, o importante é o proceso polo cal esa información chega aos receptores, polo que dende o seu punto de vista debería haber un cambio de denominación para este fenómeno. Fenómeno que por outra banda non debe ser minusvalorado, xa que ten un gran poder de penetración social, principalmente no ámbito local.
Residente en San Francisco, Francis Pisani é profesor nas Universidades de Stanford e Berkeley, consultor de medios dixitais e columnista semanal en El País, Le Monde e Reforma.
Podes coñecer o traballo de Pisani no seu blog persoal.



GAGO MARIÑO, M; MOURIÑO CABALEIRO, C. (eds.), I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet. Consello da Cultura Galega, Consellaría de Innovación e Industria - Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Consellaría de Cultura e Deporte - Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, Santiago de Compostela, 2007. 52 páx.
I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet é unha publicación que explora a situación actual da Internet en Galicia e as posibilidades que ten a cultura galega -a creación, o desfrute, a industria, a distribución- actualmente na rede, así como explora os planos dos sectores culturais galegos na Internet dos inmediatos vindeiros dous ou tres anos. Neste pequeno libriño de 52 páxinas en formato arrevistado colaboraron un bo número de autores e autoras, e pódense escoitar un gran número de voces máis. No deseño editorial quixemos empregar diferentes formatos narrativos: desde os artigos de reflexión ata estudos de caso, reportaxes, entrevistas e antoloxías de creación cultural na rede. A publicación está editada por Cristina Mouriño e por Manuel Gago.
Cómpre destacar o notábel traballo de dirección de arte do deseñador de Aguiño (Ribeira) afincado en Barcelona Marcos Varela, que apostou por un deseño baseado nas publicacións underground e nos fanzines.
Trátase dunha publicación conmemorativa, co gallo da coincidencia do Día de Internet e do Día das Letras Galegas no 17 de maio, e destinada a profesionais do mundo da cultura e público en xeral.
Descarga en PDF:
I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet
Consultar índice no interior do post
Continue Reading »


Portadas das publicacións da aplicación offline de Índigo.
Reporte Índigo -e o seu suplemento Piensa Índigo-, son as dúas cabeceira da Experiencia Índigo. Unha curiosísima proposta mexicana de xornalismo multimedia distribuído a través de Internet, pero dispoñible en paquetes de aplicación. É dicir, descargas ao teu ordenador número a número (13 megas), e cárgase un proxector de Flash que presenta unha revista cun uso extensivo do multimedia. Índigo simula unha publicación en papel, pero engadíndolle unha navegación por índice, numerosas ‘metáforas’ na interface e un uso extensivo do vídeo, dos recursos de audio e de interacción do usuario coa superficie interactiva. Audio en planos diferentes, un deseño do texto moi preparado para a lectura en pantalla son algúns dos exemplos desta curiosa publicación que combina análise política, estilos de vida, medio ambiente, deseño… Para poder baixarse os números da revista hai que rexistrarse (gratuitamente). Seguirémola moi de preto.
Vía Jornalismo & Internet
Lugo acolle dende mañá venres a V Convención de Periodistas de España.

A reunión, convocada polo Foro de Organizacións de Xornalistas, desenvolverase baixo o título “Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista” e tratará a necesidade da profesionalidade e mediación do periodista no exercicio do xornalismo. Esta convención, que se celebrará por primeira vez en Galicia, contará coa participación de 200 profesionais do sector que debatirán sobre cuestións coma o xornalismo en relación coa publicidade e a propaganda ou o xornalismo cidadán .
As sesións celebraranse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo dende mañá venres ata o domingo. Para máis información, fai click aquí.