Neste mundo cambiante no que andamos aparecen cada día mil e unha historia que melloran a nosa calidade de vida. Algúns destes experimentos son rotundos fracasos pero outros son éxitos únicos na historia actual. Dúas das persoas máis importantes para que internet sexa o que é hoxe en día, son Niklas Zennstrom e Janus Friis, creadores entre outros de Kazaa e Skype.
Agora preséntannos unha nova ferramenta, fundamentadamentada no audiovisual, que promete ser unha desas cousas que marcarán o inicio dunha nova era. Joost é unha aplicación, que se descarga, e que convirte o ordenador persoal nun televisor á carta. Cunha interface moi sinxela pero elegante, podemos acceder a un completo buscador de programas ou de canles, que nos permiten ver desde unha película de Buster Keaton ata un spot publicitario. Zennstrom e Friis xa saben que a publicidade é importante e por iso non dubidaron en deixar un espazo específico para os anuncios. A verdade é que promete, pero agora falta por ver se estamos dispostos a ver a televisión no ordenador. Un dato que escribre Francis Pisani no ciberpais: o promedio de tempo que pasa un individuo diante de Youtube é de 11,5 minutos, moi lonxe das case catro horas que se pasa un español diante do televisor.
José Pereira
¿Como organizar un evento? ¿Como dirixirnos ás diversas institucións coas que tratamos? ¿Como atender os nosos públicos? O intanxible impera nunha sociedade na que a imaxe vale máis que mil palabras. O Máster en Protocolo e Relacións Institucionais da USC, que celebra este ano a súa terceira edición, pretende satisfacer esta demanda formativa, moi útil non só no ámbito institucional, senón tamén nos sectores empresariais. Continue Reading »
O Libro Blanco titulado Prospectiva TIC 2026 trátase dun informe que pretende trazar unha panorámica das Tecnoloxías da Información e da Comunicación a longo prazo. Auspiciado por Prosodie e pola axencia MARKESS International, basease nunha búsqueda documental previa que permitiu reunir informacións sobre o entorno demográfico, económico e sociolóxico no que se enmarcarán as TIC no ano 2026. Para elo foron consultados 50 expertos, contándose entre os mesmos directores de sistemas de información, altos cargos de empresas de comunicación e diversos persoeiros do ámbito político, xurídico e económico. Continue Reading »
A Facultade de Ciencias da Comunicación acolle o curso de verán “Televisión dixital terrestre e por Internet, Comunicación Interactiva e Hipermedia”
A propósito das novas alternativas da comunicación interactiva no curso falarase de propiedade intelectual, creación de contidos, hipermedia e converxencia dixital. O obradoiro pretende servir de foro para a presentación e discusión de novos conceptos, ideas, experiencias e coñecementos que configuran o debate aberto na sociedade da información arredor da converxencia das novas tecnoloxías coa cultura e a ciencia, cos contidos e o coñecemento. En definitiva, sobre as posibilidades e alternativas da comunicación interactiva, sobre o novo paradigma da hipermedia, máis aló da confluencia dos multimedios, cando xa se empeza a falar das web semánticas, a experimentar coa creación virtual e con potentes buscadores ontolóxicos que están a convertir Internet nunha disputada galaxia de novas redes de intelixencia, poder e mediación social. A trascendencia deste novo marco de relacións e experiencias crúzase coa aparición, debate e formulación dos chamados ciberdereitos e coa necesidade de facer visible a través da Rede e da expresión hipermedia a nosa propia cultura e identidade.
Alumnos das Facultades de Ciencias da Comunicación, Económicas e Empresariais, Dereito, Historia, Educación, Ciencias e Computación así como profesores e profesionais dos medios de comunicación de Galicia que están incorporando as novas tecnoloxías, son o público ao que vai dirixido o curso.
Xa está aberta a matrícula para este obradoiro de 35 horas de duración que será impartido do 11 a0 14 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Para máis información: www.usc.es/iptv
A BBC vén de crear unha liña do tempo da historia británica baseada nunha escala de cores interactiva.

Movernos pola historia británica coma se dun percorrido polo arco da bella se tratara. Iso é o que nos permite o proxecto da BBC. Unha liña do tempo baseada na diferenciación de etapas históricas mediante cores. A interfaz déixanos saltar da Idade de Ferro á época dos vikingos e ver os acontecementos máis importantes que fan referencia a eses anos. Un paseo pola vida das illas que abarca dende o neolítico ata o 2005.
A web, no apartado “Take a Journey”, tamén permite facer buscas selectivas por temas. Así, por exemplo, podemos saber como evolucionaron os dereitos das mulleres británicas ao longo da historia ou seguir os adiantos tecnolóxicos que se sucederon no marco das Illas Británicas.
O equipo interactivo da BBC solucionou miles de anos de historia cunha tira de cores, sen dúbida unha innovadora estratexia de deseño.
Carlos Toural
“Poñer en común diferentes visións sobre cuestións que teñen que ver, por unha banda, cos modelos, procesos e límites da identidade, e pola outra, con todos os vértices que implica a dimensión de xénero”. Este é o obxectivo fundamental do Congreso Internacional de Comunicación, Identidade e Xénero, que terá lugar os días 25 e 26 de Outubro na Universidade Rey Juan Carlos (Madrid), organizado polo Seminario de Estudos de Identidade e Xénero GICOMSOC (Grupo de Investigación sobre Comunicación, Sociedade e Cultura) do Departamento de Ciencias da Comunicación I de dita Universidade.
As comunicacións distribuiranse en tres áreas de traballo: Comunicación e Identidade, Comunicación e Xénero e Novos Horizontes. O papel fundamental dos medios de comunicación como axentes que contribúen a afortalar e difundir as claves identitarias da colectividade, así como a especial atención ás representacións do feminino difundidas a través da información e da publicidade constitúen os dous eixos temáticos deste Congreso. O prazo para o envío de comunicacións remata o 31 de Maio. Para máis información, clickade aquí.
Un novo curso organizado polo Grupo de Investigación Estudios Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC profundizará nestes e outros principios fundamentais da comunicación mediática contemporánea
Transparencia, verosimilitude e autenticidade na televisión, o cinema, a publicidade, a fotografía e a comunicación institucional. Sobre estas cuestións falarán os profesionais e docentes convidados a participar no Curso de Verán “Principios da Comunicación Mediática Contemporánea”.
O Grupo de Investigación Estudios Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela organiza este obradoiro que se impartirá do 16 ao 19 de xullo. O programa está dirixido pola profesora Antía López.
Os interesados xa poden obter máis información e formalizar a súa matrícula a través da web: www.usc.es/cultura
Acabo de ler o novo e excelente Trends in newsrooms 2007, o informe anual editado polo World Editors Forum e editado por John Burke, que é o coordinador do selecto blog sobre industria de medios Editors Weblog. O propio informe é unha selección de datos e informes procedentes de máis de 100 fontes que serven diariamente para a edición deste blog, pero avanza importantes nocións que sinalan o grado de asimilación por parte da industria das últimas leccións do mundo dixital.
As sete leccións do Trends in newsrooms 2007 son as seguintes:
- Integra a túa redacción paso a paso
- Interactúa cos teus lectores
- Coopera cos teus competidores
- Convértete nun portal para a túa rexión
- Crea unha redacción multi-xornal
- Achégate aos lectores mozos a través dos medios sociais
- Fornece ferramentas para a personalización das noticias
Sen dúbida, algunhas delas, como a cooperación cos competidores, non son doados de asumir, pero asumen parte da filosofía mashup que desde o exterior da industria foi medrando desde o ano 2003. Na enquisa previa, practicada a 435 periodistas con cargos nas redaccións en todo o mundo, sorprende tamén o optimismo ante a algunhas cuestións que suscitaban controversia hai non ben pouco: un 74% consideran que a transformación do paradigma de noticias, de conferencias a conversacións preconizado por Dan Gillmor ten efectos moi positivos para o xornalismo de calidade. Para mellorar a calidade editorial do medio, os executivos distinguen claramente dous factores relevantes: ensinar aos xornalistas en novos medios (37%) e reclutar máis xornalistas (23%), un detalle moi interesante que fala sobre que a optimización non quere dicir reducción. Un punto moi significativo é a confianza na vixencia no futuro dos formatos opinativos e análise tradicionais nos medios: un 66% dos executivos consideraban que no futuro tendrían, aínda, máis relevancia.
Trends in newsrooms 2007 parece recoller o sentir significativo en gran número de redaccións ante o cambio de paradigma do xornalismo propulsado polas novas tecnoloxías e a posición significativa e relevante dos cibermedios no novo escenario. Moitas das estratexias indicadas profundizan nos valores específicos do novo soporte de cara o xornalismo. Unha visión sólida das boas prácticas no xornalismo de principios de século.
Manuel Gago
O Grupo Zeta ven de presentar videoyvoto.tv, unha experiencia multimedia que ofrece información sobre as eleccións municipais e autonómicas en formato vídeo

O usuario pode escoller, entre unha lista de diferentes profesionais do Grupo Zeta, ao seu presentador persoal, que a través de un vídeo daralle unha visión profesional do estado das eleccións. Por outra banda a web almacena diferentes vídeos relacionados cos procesos electorais dos diferentes municipios, que poden ser atopados segundo criterios xeográficos, temporais ou de interese da audiencia. Na mesma web os internautas dispoñen dunha ferramenta para poder subir os seus propios vídeos e teñen a posibilidade de calificar a calidade daqueles que xa están colgados.
Sen supoñer unha revolución dende o punto de vista tecnolóxico, videoyvoto.tv, presenta un emprego novedoso da ferramenta Youtube e abre un novo campo de experimentación que mistura o xornalismo electoral coa participación cidadá.
Teresa de la Hera
A piques de que cheguen os meses de calor a Compostela, a USC ten programados para o mes de xullo unha serie de cursos de temáticas variadas. Entre eles, podemos atopar algúns máis centrados no eido da comunicación. Así, a televisión será obxecto de estudo para os interesados no programa do curso ‘Televisión e ficción’ ou para aqueles que aposten polas novas tecnoloxías en ‘Televisión dixital terrestre e por Internet, comunicación interactiva e hipermedia’.
Os principios da comunicación mediática contemporánea nos distintos soportes (televisión, cinema, publicidade, fotografía ou mesmo na comunicación institucional) serán o eixo central doutro destes seminarios.
Pola súa banda, o curso ‘Europa. Estudar, Traballar e Vivir nun caleidoscopio de culturas’ permitiranos coñecer máis de preto ese espazo común de gran riqueza cultural no que converxemos.
O listado completo dos cursos pódese consultar en http://www.usc.es/cultura/cv07intro.htm#CURSOS. No caso de interesarvos, aínda hai tempo de facer a matricula. Ademais, até o 30 de Maio pódense solicitar as bolsas de gratuidade na matrícula e no aloxamento que outorga a Universidade.